A Coruña 2030 segue o seu curso elaborando unha estratexia participativa para deseñar conxuntamente o futuro da cidade, coa celebración dun Foro Urbano o próximo 28 de xuño no Centro Ágora.
O Plan para a Axenda Urbana que se está a traballar, da un paso máis coa celebración deste gran foro de articipación, no que se espera contar coa asistencia de axentes sociais, económicos e gran número de cidadanía, co fin de recoller as ideas e aportacións que fagan da Coruña unha cidade máis amable, acolledora e sostible.

Este 1º Foro Urbano #ACoruña2030, que terá lugar o martes 28 de xuño ás 18:00 h no Centro Ágora, constitúe o foro aberto máis importante sobre o desenvolvemento urbano da Coruña.
Nesta xornada búscase promover o debate, xerar e intercambiar ideas e proxectos de futuro. Tamén, servirá para trasladar as principais conclusións identificadas na fase inicial.
A intención do Foro é traballar de forma colectiva para avanzar no desenvolvemento dos seguintes obxectivos:
- Territorio, paisaxe e biodiversidade
- Modelo urbano
- Cambio climático
- Xestión de residuos e economía circular
- Mobilidade sostible
- Cohesión social
- Modelos produtivos e economía urbana
- Vivenda
- Transición dixital
- Instrumentos, gobernanza e calidade democrática

O Foro Urbano A Coruña 2030 consistirá nunha serie de encontros e mesas temáticas con distintas dinámicas que promovan o debate e a reflexión. Isto posibilitará o deseño participativo da cidade do futuro, creando unha área urbana pensada para todos e todas, que promova a igualdade de xénero e o apoderamento cidadán, e que afronte o futuro de maneira responsable.
Para que este proxecto poida alcanzar os mellores resultados, é imprescindible contar coa maior participación cidadá posible, polo que animamos a facer a inscrición na seguinte ligazón.
https://form.jotform.com/221602016402336
Vémonos no Foro Urbano.