Diagnóstico

A partir dos Obxectivos Estratéxicos da Axenda Urbana Española, desenvolveuse un completo diagnóstico técnico inicial. Isto permite identificar unhas conclusións iniciais que revisaremos e ampliaremos durante o proceso participativo.

Estes son os temas clave do traballo de diagnóstico.

TERRITORIO, PAISAXE E BIODIVERSIDADE

O obxectivo édetectar posibles melloras na ordenación do territorio e uso do solo, para avanzar na súa conservación e protección. Dentro del englóbanse obxectivos específicos, como ordenar o chan de maneira compatible coa súa contorna territorial; conservar e mellorar o patrimonio natural e cultural e protexer a paisaxe, e mellorar as infraestruturas verdes e azuis para vencellalas co contexto natural da cidade.

MODELO URBANO

Os traballos céntranse en evitar a dispersión urbana e continuar revitalizando a cidade. Seguir avanzando nun modelo que fomente a compactidade, o equilibrio urbano e a dotación de servizos básicos; garantindo a calidade e a accesibilidade universal dos espazos públicos; mellorando o medio ambiente e reducindo a contaminación; impulsando a rexeneración, e mellorando a calidade e a sostibilidade dos edificios.

CAMBIO CLIMÁTICO

É unha das maiores preocupacións das cidades. O obxectivo é previr e reducir os impactos do quecemento global, adaptando o modelo territorial e urbano para os efectos do cambio climático e avanzando na súa prevención; reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro, e mellorando a resiliencia fronte a este fenómeno.

XESTIÓN DE RESIDUOS E ECONOMÍA CIRCULAR

Para seguir avanzando nunha cidade máis habitable e acorde cos límites físicos do Planeta é necesario ser máis eficiente enerxeticamente e aforrar enerxía, optimizando e reducindo o consumo de auga; fomentar o ciclo circular dos materiais así como a redución dos residuos favorecendo a súa reciclaxe. Sen esquecer a importancia para a cidade de xerar un tecido industrial ao redor dos procesos de economía circular.

MOBILIDADE SOSTIBLE

Para facer realidade unha nova mobilidade sostible, innovadora e eficiente é necesario favorecer a proximidade e potenciar modos de transporte sostibles.

COHESIÓN SOCIAL

Grazas á implementación da Axenda Urbana foméntanse melloras sociais a través de diferentes mecanismos, como a redución do risco de pobreza e exclusión social en contornas urbanas desfavorecidas, e a procura da igualdade de oportunidades desde unha perspectiva de xénero, idade e discapacidade.

MODELOS PRODUTIVOS E ECONOMÍA URBANA

As transformacións en materia económica deben avanzar cara a procura da produtividade local, a xeración de emprego e a diversificación da actividade económica baseada no comercio de proximidade, fomentando tamén un turismo intelixente, sostible e de calidade e novas estratexias industriais fronte ás novas demandas.

VIVENDA

Cunha porcentaxe moi baixa de vivenda baleira e vivenda secundaria, existen importantes dificultades para o acceso. Para tentar reverter a situación, os obxectivos pasan por fomentar a existencia dun parque de vivenda adecuado a un prezo alcanzable e garantir o seu acceso, especialmente aos colectivos máis vulnerables.

TRANSICIÓN DIXITAL

Unha cidade moderna non pode quedar atrás na súa dixitalización. A Coruña 2030 contribúe ao proceso de transformación, como cidade líder en innovación dixital. Desta forma, favorecerase o avance cara ao desenvolvemento dunha cidade intelixente, cunha maior eficiencia na xestión dos servizos públicos. Tamén fomentando a administración electrónica e reducindo a fenda dixital para que todos e todas teñan as mesmas posibilidades.

INSTRUMENTOS, GOBERNANZA E CALIDADE DEMOCRÁTICA

A Axenda Urbana promove a participación dos seus habitantes na toma de decisións políticas para continuar construíndo unha cidade de forma conxunta. Por iso, é primordial mellorar os instrumentos de intervención e gobernanza; asegurar a participación cidadá e a transparencia para favorecer a gobernanza multinivel; impulsar a capacitación local e mellorar o seu financiamento e deseñar e poñer en marcha campañas de formación e sensibilización en materia urbana, así como de intercambio e difusión da información.

Como se elabora